Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Frades remata as obras de mellora de seis pistas do municipio nas que investiu case 80.000 euros


Vén de adxudicar outros dous proxectos de obras por case 140.000 €

O Concello de Frades vén de rematar as obras de mellora do firme de seis pistas municipais, nas que investiu 78.154,08 euros. Uns traballos que permitiron o asfaltado de case tres quilómetros de pistas nas parroquias de Gafoi, Moar, Aiazo, Añá e Galegos.

Entre as pistas arranxadas figuran o camiño de Currás a Raselo, na parroquia de Gafoi, onde se repararon as fochancas e se asfaltou o firme desta estrada, de 800 metros de longo por 3 metros de ancho. A maiores, asfaltouse tamén un ramal de 190 metros deste mesmo camiño, así como o afirmado doutros dous treitos de 270 metros con zahorra.

Tamén se asfaltou o camiño de acceso a Castiñeiro Redondo (Moar) e o camiño que une esta localidade co límite co Concello de Oroso. En ambos os dous casos reparáronse as fochancas e mellorouse a capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma. A maiores, nos accesos a Castiñeiro Redondo executouse unha cuneta de seguridade en formigón de 50 metros para facilitar a mobilidade dos veciños e veciñas. A maiores, instalouse unha taxea para a recollida de augas pluviais.

O Concello de Frades tamén pavimentou os accesos a Sanamil (Añá) e á Torre (Aiazo), onde se melloraron as capas de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e colocáronse unha sinal de STOP en cada camiño. No caso da Torre, a maiores executouse unha canalización de 50 metros e 3 arquetas de sumidoiro para a recollida das augas pluviais. Finalmente, o Concello de Frades pavimentou tamén o camiño entre o límite do Concello de Ordes ata a localidade de O Pazo (Galegos).

140.000 euros nos próximos meses

O concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro, destaca que “acabamos tamén de licitar outros dous proxectos máis por 139.770 euros que demostran que seguimos traballando igual ca sempre e se comproba que todas as obras que dixemos que iamos facer son reais e se están levando a cabo”.

Así, o Concello vén de adxudicar a Construcciones Cernadas SL a obra “Camiño Tañoi a Cruz do Canedo (Abellá) e outros”. Unha obra que recolle a mellora de tres camiños asfaltados no municipio: de Tañoi á Cruz do Canedo (Abellá), da DP-3802 a San Martiño (Frades) e da N-634 a Vilar de Céltigos (Céltigos). Son case catro quilómetros de pistas nas que se procederá á limpeza de gambias de ambas marxes e a mellora da capa de rodaxe cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas. En Abellá e Frades instalaranse sendas sinais de Stop e en Céltigos canalizaranse as pluviais en dous tramos de seis metros cada un para facer dous pasos para os peóns.

Finalmente, Cosmalca SL será a encargada de executar o proxecto “Pavimentación camiño Filgueira (Mesos) cara Barreiro (Abellá) e outros”. Un proxecto que inclúe obras de pavimentación ao longo de tres quilómetros e distribuídos en doce pistas. Así, pavimentaranse os accesos ás localidades de Quintá (Papucín), Outeiro (Galegos), A Fraga (Vitre), Os Canedos (Mesos), Chá (Ledoira), Gándara e Sanamil (Añá), Pedreira e Seixo (Moar) e á igrexa de Céltigos. En todos os casos mellorarase a capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado en toda a plataforma, previa reparación de fochancas.

A maiores contémplase a pavimentación do camiño entre Figueira (Mesos) e Barreiro (Abellá), así como a execución dunha cuneta de seguridade en A Igrexa (Frades), de 295 metros de longo con quince centímetros de zahora e dez de formigón. Baixo esa cuneta construirase unha rede para a recollida de augas pluviais de 95 metros e con tres arquetas con sumidoiro.